Co propósito de presentar os primeiros resultados do proxecto e fomentar o intercambio de coñecemento, o CIMA acolleu o 20 de novembro de 2024 unha xornada sobre o proxecto nas súas instalacións de Vilanova de Arousa. Este evento, que forma parte das actividades de difusión do proxecto APROMEX, foi unha oportunidade para dar a coñecer tamén outras actuacións promovidas pola Consellería do Mar.

 


Resultados do proxecto no ano 2024

Neste evento presentáronse os resultados preliminares das mostraxes realizadas ao longo destes dous anos, con case mil puntos de mostraxe.  Dentro destes resultados, inclúese unha liña de costa completa coa distribución de coberturas de mexilla, en base ás mostraxes realizadas en 2023 e no primeiro semestre de 2024. Este resultado permitiu a creación dunha liña base sobre o estado do recurso para avaliar a súa evolución no futuro. Por outra banda, presentáronse tamén os resultados do mostraxe previo á campaña de extracción de mexilla 2024-2025, realizado entre setembro e novembro de 2024, con máis de douscentos puntos de observación. Coa información de estas dúas campañas, presentouse tamén a comparativa entre os datos de outono do ano anterior cos do ano 2024 para as principais zonas de extracción de mexilla. Finalmente, enmarcados nos traballos deste proxecto, se presentaron varias ferramentas para a consulta destes e outros resultados, algunhas delas xa dispoñibles no apartado de recursos desta web.

 

Durante a xornada presentáronse outras iniciativas relevantes impulsadas pola Consellería do Mar, moi relacionadas con este proxecto:

Outras iniciativas destacadas da Consellería do Mar

O mostraxe semanal de larvas nas Rías Galegas.  Iniciativa dirixida polo CIMA e desenvolvida polo CINBIO da Universidade de Vigo, realiza semanalmente análises de mostras de auga das nosas rías para contabilizar a presenza de larvas de bivalvos, e especificamente de larvas de mexillón grazas á marcación de anticorpos monoclonáis. A actividade iniciouse en 2023 con 4 estacións e continúa na actualidade con 7 estacións de mostraxe, principalmente nas Rías Baixas.  Esta información, dispoñible actualmente desde a web de INTECMAR, poderá ser consultada proximamente a través dunha ferramenta dinámica desenvolvida no proxecto APROMEX.

A encomenda CAPACITAMEX, encargo da consellería ao CETMAR para a transferencia de resultados das iniciativas impulsadas pola consellería as asociacións de produtores de mexillón foi tamén presentada nesta xornada.  Esta iniciativa incluirá, entre outras, reunións, sesións formativas e materiais guía tanto para o proxecto APROMEX como para outras iniciativas da Consellería, como a nova aplicación móbil para o rexistro de extracción de mexilla.

E máis aló destas iniciativas, directamente relacionadas con APROMEX, foron presentados outros traballos, como a información contida na plataforma Pescadegalicia,  o novo convenio co IIM-CSIC sobre o análise dos rexistros de declaración de mexilla, a futura encomenda co CETMAR para a mellora do coñecemento das condicións ambientais e de produción nas bateas, etc.

Neste evento participaron case 100 persoas, fomentando un espazo que favoreza o diálogo co tecido produtor, as administracións e o sector da investigación.