Criadeiro

Desenvolvemento de sistemas de produción de semente en condicións controladas de criadeiro, como unha nova vía de obtención de mexilla

Actividade 3: Criadeiro

O obxectivo desta actividade é obter semente de mexillón para ser entregada aos ós produtores de mexillón de xeito eficiente sen que teñan que modificar o seu “modus operandi” habitual, tendo tamén presente o respecto máximo ó medio ambiente. Por isto, nesta actividade estase a traballar nun paquete tecnolóxico que integre as diferentes fases e seccións das que se compón a produción de mexilla en criadeiro para facelo máis eficiente e sustentable, dende un punto de vista técnico, económico e medioambiental, de xeito que esta tecnoloxía poda ser transferida ó sector produtivo, no caso de ser necesario. 

Desove e obtención de larvas

O primeiro paso do cultivo é provocar o desove dos reprodutores. No proceso, empregáronse as épocas naturais de posta de principios de primavera ata o verán e utilizouse a técnica do “shock” térmico, sen separar machos de femias.

Figura: Proceso de desove

Nunha peneira de 40 micras, recóllense os ovocitos fecundados que pasan a cultivarse nun tanque troncocónico de 150 litros. 48 horas despois, se recollen as denominadas larvas D, pola súa charnela recta, que lle da un aspecto similar a esta letra do alfabeto. Así, dáse inicio ó cultivo larvario propiamente dito.  (larvas en D)

Figura: Larvas en D

A medida que pasan os días, a charnela vai collendo unha forma máis curvada (umbonada), máis próxima á que terá de adulto. A partires de estar retida en 180 micras, comeza a aparecer a “mancha ocular”, indicativo de estar próxima a metamorfose.

Figura: Larva umbonada (esquerda) e larva con mancha ocular  (dereita)

Unha das características do mexillón é a súa tendencia natural a agregarse entre eles, en etapas próximas á metamorfose. Isto fai que se deban buscar solucións novidosas para cumprir co obxectivo principal, a súa fixación no substrato para o seu traslado ás bateas.

Figura: Larvas en metamorfose unidas entre elas

 

Fixación

Unha vez se observa que hai unha porcentaxe igual ou superior ó 50% de larvas con pé, iniciase a fase de fixación. Pola tendencia natural do mexillón a agregarse, foi necesario atopar un sustrato axeitado para que se fixe nel. Avaliáronse distintas opcións. O uso de cordas colectoras para fixación das post-larvas descartouse por razón de manexo, control do proceso de fixación e asepsia. Optouse pola procura de substratos biodegradables, de orixe natural, fáciles de obter e de baixo custo. Así, probáronse varios tecidos de algodón e yute, sendo este último o de mellor rendemento en varios dos parámetros requiridos.

A fixación con estes tecidos consta de dúas etapas: a horizontal e a vertical. Na etapa horizontal, a fixación faise nun tambor de fixación tradicional, alimentado por un “air-lift” que fai circular o auga en dirección o fondo do tambor.

Figura: Tambor con “air-lift (esquerda) e telas con fixación de mexilla (dereita)

Despois de 4 días, iníciase etapa de fixación vertical. As telas coa mexilla fixada, colócanse nun bastidor de aceiro inoxidable con forma de percha, que colgan duns cabos sobre un tanque de 350 litros.

Figura: Fixación horizontal, con telas en perchas (esquerda) e detalle de semilla fixada en yute (dereita)

Despois de 7-10 días máis de cultivo, a mexilla xa conta con 500 micras. Esta é a talla coa que normalmente se entregaría aos produtores,  para continuar o seu cultivo ata a súa colleita. As telas onde queda fixada a mexilla encórdanse a man e cólganse dunha batea.

Figura: telas con mexilla fixada antes de ser encordada (esquerda)  e encordado manual na batea (dereita)

Seguimento en batea

Co fin de coñecer a taxa de crecemento nas distintas fases de cultivo, así como estimar a perda de individuos o longo do tempo (mortalidade, desprendemento, depredación….), establécense unha serie de mostraxes da mexilla instalada na batea.  A primeira mostraxe realízase tras 50-60 días na batea. En función da época do ano e das circunstancias de cultivo, faise outra mostraxe sobre os 100-120 días, que pode coincidir ou non cun desdobre, dependendo dos hábitos de cultivo do produtor.

Na mostraxe, tómanse 10 cm de mostra a varias alturas, en función de si a corda está “chicoteada” ou non. No caso de que o estea,  tomaranse dúas mostras, unha a 1 m de profundidade e outra a 5 metros. Se non está chicoteada, dado que estas cordas teñen 12 metros, tómanse tres mostras a 1, 6 e 12 metros aproximadamente. De cada unha das mostras tómanse 30 individuos ó azar, dos que se miden as súas dimensións e peso individual. Finalmente, contabilizase o número total de individuos que compoñen mostra e a súa biomasa total.

A última mostraxe terá lugar cando estea próximo a súa venda.

 

Figura: Corda antes da mostraxe (esquerda) e corda despois (dereita)