-
- O Plan de Ciencias Mariñas de Galicia desenvolve un sistema dixital que unifica o coñecemento científico e a monitorización das rías para o sector acuícola.
No marco do Plan de Ciencias Mariñas de Galicia (PCCMMG), desenvolveuse unha ferramenta de utilidade para o sector mexilloeiro: un Sistema de Información Xeográfica (SIX) ou xeovisor deseñado especificamente para mellorar a xestión e o coñecemento de recursos estratéxicos.
Trátase dun mapa interactivo que permite acceder á información destes recursos nas nosas costas. Esta ferramenta é o resultado dun intenso traballo de investigación e recompilación de datos sobre especies clave para a actividade acuícola e marisqueira, destacando a información sobre o mexillón, así como a ameixa fina e a ameixa babosa.

Unificación de datos e ferramentas de consulta
A potencia deste sistema reside na capacidade que terá para centralizar datos de estudos e proxectos que estaban dispersos, permitindo o acceso a:
-
- Información do recurso: información sobre distribución do recurso (desde a información sobre presenza de larvas, a distribución e cobertura da mexilla ou a distribución das instalacións de cultivo).
- Modelos dispersión larvaria: Simulacións que amosan a dispersión das larvas de mexillón segundo as condición hidrodinámicas, para distintos períodos de desove, así como a información de como viaxan estas larvas entre as distintas rías (orixe e destino).
- Información sobre variables oceanográficas: Consulta de mapas de modelos hidrodinámicos, que permite a consulta da evolución de variables oceanográficas que poden afectar ao recurso (temperatura da auga, salinidade, correntes…).
Cara a unha xestión máis eficiente e moderna
Este xeovisor nace co propósito de crear nunha ferramenta de traballo útil tanto para o sector mexilloeiro como para a administración e a comunidade investigadora. A posibilidade de consultar a información do recurso de xeito áxil por parte de produtores e administracións facilitará a toma de decisións informadas na xestión do recurso e a planificación de actuacións relacionadas con este.
O xeovisor do PCCMMG é unha plataforma viva con capacidade de medrar, que evolucionará integrando novos coñecementos e actualizando a información, algo fundamental neste tipo de servizos.
Explora o mapa interactivo aquí: 👉 https://utmar.cetmar.org/pccmmg-pt7/map/index.php
Consulta a descrición das capas dispoñibles aquí: 👉