O pasado 1 de decembro, a TVG emitiu un novo capítulo do programa “Vivir o Mar“, dedicado ao sector marítimo-pesqueiro. Neste episodio, incluíuse a reportaxe “Radiografía da mexilla”, coincidindo coa a apertura da campaña de extracción de mexilla 2024-2025.
A reportaxe fai fincapé principalmente no traballo de campo do proxecto APROMEX, e o esforzo de mostraxe que se leva facendo desde 2023. Estes traballos permitiron a creación dun catálogo de localidades de interese de extracción de mexilla, así como coñecer a distribución actual de mexilla ao longo da costa galega.
Ademais, nesta peza preséntase unha ferramenta dispoñible na web do proxecto: o visor dos puntos de mostraxe previos á campaña de extracción 2024-2025. Este visor permite ao sector tomar decisións sobre as zonas de traballo de xeito eficiente, evitando desprazamentos innecesarios para saber onde atopar o recurso. Unha simple ollada na ferramenta permite coñecer a abundancia nas distintas zonas de interese.
Outro aspecto salientable no vídeo é o traballo desenvolvido polo Departamento de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, centrado no o estudo semanal de abundancia de larvas de mexillón e doutras especies de bivalvos.
Grazas a estas iniciativas, impulsadas pola Consellería do Mar, e á análise de datos históricos doutros proxectos, está a mellorarse significativamente o coñecemento deste recurso. Tal como se menciona no programa, un dos próximos pasos de APROMEX será tratar de identificar patróns de recrutamento e crecemento e asocialos coas variacións na abundancia larvaria, así como coas distintas condicións meteorolóxicas e oceanográficas das rías.
Por outra banda, tamén se da a coñecer o proxecto CAPACITAMEX. Este proxecto busca crear un espazo de intercambio do sector científico co sector mexilloeiro, permitindo a transferencia de coñecemento de xeito bidireccional, así como para formar ao sector no uso das novas ferramentas que se están a xerar desde a Consellería cara á mellora do coñecemento e xestión do recurso.
Podedes ver a reportaxe a partir do minuto 10:10 na seguinte ligazón:
https://www.agalega.gal/videos/190804-vivir-o-mar-01-12-2024