A iniciativa da Consellería do Mar CAPACITAMEX, coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), organizou os primeiros obradoiros adicados ao sector mexilloeiro onde se procura unha interacción entre investigadores, xestores e produtores centrándose na importancia do coñecemento sobre o ciclo do mexillón e os factores ambientais que inflúen nel.
En O Grove e Vilagarcía de Arousa, presentáronse e debatéronse coas organizacións de produtores AMEGROVE e OPMEGA, unha serie de novas ferramentas dispoñibles que pretenden achegar os datos científicos ao sector co fin de axilizar a adaptación aos cambios ambientais, económicos e sociais.
Mexilla no intermareal
Durante esta primeira xornada os asistentes puideron coñecer de primeira man os resultados do Obxectivo 1 de Apromex. Técnicos investigadores do CIMA detallaron as estratexias para conseguir un seguimento continuado da fixación da mexilla no intermareal rochoso ao longo da costa de Galicia, e presentaron os resultados dos últimos anos.
👉 Resultados mostraxes precampaña
Estudos da dispoñibilidade de mexilla
Expertos do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) de Vigo, amosaron como datos robustos de recollida de mexilla proporcionados polo sector aportan unha base sólida para realizar estudos científicos que os contrasten coas variables medioambientais e que en última estancia poidan facilitar o deseño de ferramentas preditivas.
👉 Artigo científico (en inglés)
Análise de densidade larvaria
Dende o centro de investigacións CINBIO da Uvigo, detallouse cal é o proceso de mostraxe e análise da densidade larvaria de bivalvos nas rías galegas. Procedemento que de forma semanal vense realizando dende o 2023 e que contará proximamente cunha nova plataforma web para visualizar os datos.
Ferramentas de xestión
Finalmente presentáronse as novidades da aplicación que facilita ás persoas relacionadas co sector da pesca e acuicultura, diversos trámites e documentos necesarios para a actividade. Debateuse como ésta ferramenta pode axilizar a declaración da recolección de mexilla, tanto en bancos naturais como en cordas colectoras.
Ambas xornadas concluíron cun debate informal, onde os investigadores e técnicos puideron recoller observacións directamente dos asistentes de cara a mellorar as aportacións ou a iniciar novas liñas de traballo.