A iniciativa da Consellería do Mar CAPACITAMEX reuniu o pasado día 21 de xaneiro no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), en Vilaxoán, á administración e investigadores que están a desenvolver traballos no sector mexilloeiro.
O proxecto CAPACITAMEX, encargado pola Consellería do Mar a CETMAR, levará a cabo contactos coas asociacións de produtores de mexillón incluíndo entre outras, xornadas interactivas, onde se debatan as necesidades do sector e da Administración para unha mellor xestión do recurso natural, así como os avances de APROMEX e recentes resultados de traballos de investigación que aporten vantaxes no traballo diario.
Nesta primeira reunión contouse coa participación de investigadores do CIMA, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), da Universidade de Vigo e do propio CETMAR. Puxéronse en común o estado dos diversos traballos de cara á súa utilidade no sector e coordináronse as liñas a seguir de cara á presentación das ferramentas por CAPACITAMEX.
Dende APROMEX achegouse información acerca do novo visor web onde se poden consultar os datos de distribución de mexilla no comezo das campañas de extracción con datos de mostraxes actualizados realizados ao abeiro do Obxectivo 1. Tamén incluíronse no debate innovacións na presentación das mostraxes continuadas de larvas de mexillón nas rías, resultados da avaliación de abundancia e distribución de mexilla en relación coas condicións ambientais, ou avances nos traballos de criadeiro e captación de mexilla. Para este último tema inclúense os experimentos no sistema de long-line no marco do Obxectivo 2 de APROMEX.
Por outra banda, debatéronse as actualizacións da APP Movtic que se presentarán nas xornadas. Esta aplicación, promovida pola administración e dirixida a facilitar a emisión, consulta e anulación de diferentes documentos necesarios para a actividade no sector da pesca e acuicultura, proximamente ofrecerá novas utilidades para a xestión do banco natural de mexilla.