Precampaña 2024-2025
O análise das poboacións de mexilla no intermareal rochoso e a súa explotación
Mostraxes precampaña 2024-2025
Ademais de obter unha fotografía da distribución do recurso na costa galega (desde A Guarda ata a Ría de Cedeira) a través do esforzo de mostraxe realizado en 2023 e 2024, desde APROMEX buscouse continuar coas avaliacións do recurso mediante mostraxes máis sostibles no tempo, sen a necesidade de realizar un esforzo tan intensivo cada ano. Por este motivo, establecéronse unha serie zonas de interese para o recurso, nas que realizar un seguimento continuado. Estas zonas representan diferentes localizacións con presenza de mexilla, seleccionadas a partir da información obtida durante as mostraxes para a avaliación do estado do recurso pero tamén grazas ás achegas do sector, que sinalou as súas áreas habituais de interese para a extracción.
Figura: Zonas planificadas para as mostraxes de precampaña 2024-2025
Así, nestas mostraxes, iniciadas en setembro de 2024 e rematadas no mes de novembro, obtense unha radiografía da abundancia e da distribución da mexilla nas zonas de extracción, permitindo así unha planificación máis efectiva da campaña extractiva 2024-2025.
Para a realización destas mostraxes, empréganse de novo a metodoloxía do CIMA, que inclúe a observación directa e a recollida de mostras e que permite avaliar a presenza e cobertura da mexilla e identificar as zonas de maior produtividade. Ao igual que no caso do estudo do recurso, para cada punto de mostraxe inclúese información adicional sobre a xeomorfoloxía, a litoloxía e os graos de exposición á ondaxe en cada punto de mostraxe.
Para a recollida de datos e para facilitar o análise da información, continúase a empregar a aplicación móbil e PC xerada polo CETMAR. Ademais, a inclusión dos resultados das mostraxes nunha plataforma xeoespacial, facilitará a visualización da información recollida por parte do sector, favorecendo a toma de decisións informada antes de comezar as campañas de extracción.
Nestas mostraxes están a participar o persoal das entidades CIMA e CETMAR, así como da empresa Hydrosphere. Os resultados preliminares das mostraxes realizadas poden consultarse aquí.