Long-line
Avaliación de novos sistemas de captación de semente
Actividade 2: Long-line
A captación de mexilla en cordas colectoras nas propias bateas é habitual como alternativa ou suplemento á extracción do medio natural. Incrementar a cantidade de mexilla colleitada pode contribuír a sustentabilidade do cultivo do mexillón. Por isto, no marco do proxecto APROMEX, estase a testar a fixación de semente, nunha estrutura tipo long-line, co fin de estimar a súa potencial contribución na provisión de mexilla ao sector. Nesta actividade, probaranse diferentes cordas e redes de fixación, para avaliar as de mellor rendemento de captación de mexilla neste tipo de estruturas. Ademais, permitirá realizar unha monitorización da fixación de semente en distintas épocas do ano e por tanto, a optimización do sistema.
Deseño da estrutura
O sistema long-line a instalar está composto por 6 liñas de dobre vía, distribuídas de maneira uniforme para favorecer o aproveitamento de toda a cuadrícula. Estarán colocadas en paralelo e cunha separación entre elas duns 19 metros. Cada unha delas ten capacidade de carga de 4000 kg, cun sistema de fixación composto por 4 mortos de formigón de 5 toneladas cada un. A cadea naval que fixa o morto a estacha de fondeo é de 40 mm de diámetro con contrete, e terá a lonxitude axeitada á profundidade da zona de fondeo.
Figura: Detalle de mortos da estrutura do long-line
As estachas de fondeo unen os extremos da liña nai coa cadea e os mortos e constan de 2 liñas exteriores e dúas interiores. A súa lonxitude variará en función de profundidade da zona. Estas estachas están constituídas por 8 cordóns de monofilamento de alta resistencia extrusionado. A liña nai é dobre, consistente en dúas cordas paralelas de 46 metros de lonxitude, confeccionadas en Polysteel, con 8 cordóns trenzados e separadas entre si por boias de 110 centímetros de lonxitude. Estas cordas teñen a vantaxe de que flotan e non absorben o auga, o que facilita o seu manexo. Destas liñas nai penderán distintos tipos de colectores, con cordas de cultivo de distinta composición e estrutura. As boias principais (35 por liña), son aquelas que impiden que a corda nai se afunda, polo peso da produción. Para iso seleccionouse un flotador tubular de polietileno de alta densidade, de 11 milímetros de espesor e un volume total de 130 litros; o seu diámetro é de 450 milímetros, presurizada a 2.5 bares e cunha flotabilidade de 117,3 kilogramos. Dispón de dous orificios de amarre de 60 milímetros de diámetro e un orificio central de 30 milímetros..
Figura: Detalle do sistema de liñas e flotadores do sistema long-line
Mostraxes de seguimento
Para poder avaliar o grado de fixación e crecemento da semente nos distintos tipos de colectores, éstes serán será monitorizados mediante mostraxes mensuais, tomando a mostra de cada unha das cordas por tipo de colector, en cada unha das seis liñas de cultivo.En cada corda, tomarase unha soa mostra a tres metros de profundidade. A corda deberá ser extraída totalmente da auga, para mellorar a precisión da mostraxe e observar a biota acompañante, por se fora de interese para a investigación. A sistemática de toma de mostras variará dende os primeiros estadios de fixación, onde os individuos non son observables a simple vista, ata aqueles máis tardíos onde si o son.No caso de que a mostra non poida ser procesada o mesmo día, conservarase a temperatura axeitada, en función do tempo estimado de procesado das mostras.Ademais de pesar a mostra e contabilizar tódolos individuos de mexilla presentes nela, mediranse e pesaranse individualmente 50 individuos de cada mostra, con tecnoloxía adaptada ó seu tamaño (lupa dixital con tratamento de imaxe, calibre e balanza electrónica).Cando a mexilla acade os 30-35 mm de lonxitude, colleitarase polo menos unha das cordas xemelgas de cada tipo. Desta, tomarase un metro lineal de mostra, da que se tomará a biomasa total, número de individuos e as biometrías de 50 individuos e pesos individuais. O seguimento do longline será complementado con sensores oceanográficos acoplados á instalacion que proporcionarán información ambiental continua, concretamente de temperatura e conductividade da auga.